A CIG anuncia a “inminente” convocatoria de folga no sector de ambulancias tras rachar a negociación do convenio

A patronal propuxo rebaixas salariais do 6-7% e sociais de arredor do 3%

Representantes do sector de transportes da FGAMT-CIG e delegadas/os do sector de ambulancias da Área Sanitaria de Santiago compareceron esta mañá, en rolda de prensa, para anunciar a inminente convocatoria de folga logo de que a patronal rachara, o pasado venres, a negociación ao retomar a proposta de rebaixa do convenio dun 10%.

A proposta será explicada ás delegadas e delegados da CIG na asemblea que está convocada para o vindeiro mércores e aí se decidirá se é unha folga indefinida, parcial ou como se desenvolverá. Á súa vez as delegadas e delegados levarán ás asembleas de traballadoras e traballadores do sector, arredor de 1.600, este acordo para a súa ratificación.

Segundo explicou o responsábel nacional do sector de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, a do venres era a terceira xuntanza da mesa de negociación que se producía despois de ter rachado con anterioridade –o convenio leva caducado 3 anos- pola pretensión da patronal de propor unha rebaixa do 10% do convenio.

Reivindicacións laborais

As reivindicacións das traballadoras e traballadores resúmense en tres aspectos: incremento salarial pola vía, entre outros, do recoñecemento do dereito a percibir a terceira paga extra; reducir o número de horas, que se ampliaron nestes últimos anos ao medrar nun 20% o número de servizos realizados sen incrementar o persoal; e en materia de saúde laboral, xa que mentres a media de baixas en Galiza é dun 5%, neste sector, malia a media de idade estar nos 40 anos, a media de baixas –na inmensa maioría por problemas musculo-esqueléticos- é do 13%.

- Publicidade -