Hoxe 11 de febreiro é o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, designado pola ONU fai 4 anos para paliar a crónica invisibilidade e desacreditamento que sufriron e sofren as mulleres nestes eidos, pero sobre todo para alentar ás cativas a escoller o camiño da ciencia desmontando o mito de que é “cousa de homes”.
Que inxustiza que o E-book o inventara unha galega e non o saibamos
Puidemos conversar con Elena Vázquez Cendón, Decana da Facultade de Matemáticas da USC, que explicou que o rol das mulleres sempre estivo presente en ámbitos como,por exemplo o da informática aínda que “cando se profesionalizou todo, desapareceu a presencia das mulleres”, comenta. Pero como nos conta, inventos tan coñecidos e necesarios como o Wi-Fi e o E-book, están ligados desde o seu inicio a grandes científicas. No caso destes inventos, as súas precursoras foron respectivamente Hedy Lamarr, máis coñecida en cambio como a “actriz máis fermosa da historia do cine”, e Angela Ruiz Robles, mestra e galega adoptiva. “Como din os pequenos cando se lles conta”, engadiu e Decana, “que inxustiza porque o descubriu unha galega e non o sabiamos“.