“A central do 061 ten que estar en Compostela, e non na Estrada”

Persoal do 061 mobilizouse hoxe ante a sede do Sergas contra o traslado do centro de emerxencias de Galicia ao municipio pontevedrés, como xa acontecera coa central do 112

Logo de varios meses de negociacións frustradas, finalmente as e os traballadores do 061 están en folga esixindo á Xunta que manteña a central de emerxencias de Galicia na súa ubicación actual, onde fica dende 1995: “Ten que estar en Compostela, que é a capital de Galicia, e non na Estrada”, apunta Armando Gómez, da xunta de persoal do 061, lembrando que a localidade pontevedresa non ten “nin autovía, nin estación de tren”.

Perda económica do persoal polo desprazamento

Este traslado suporía, como veñen denunciando nas últimas datas, unha considerábel “perda económica” para o persoal, que debería desprazarse a diario dende diferentes puntos do país. Dende a plataforma de traballadoras e traballadores lembran que o 112 xa trasladou as súas dependencias á Estrada o pasado ano, nun edificio cuxo custo roldou os 8 millóns de euros, e denuncian que a compensación económica polo desprazamento “non é suficiente” para a plantilla.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Por outra banda, o persoal denuncia que os servizos mínimos durante a folga impostos pola Xunta, do 100%, están a ser “excesivos”, xa que a plantilla non está a atender unicamente emerxencias, senón tamén outras tarefas non estipuladas nas negociacións da devandita folga.

PSdeG e BNG lamentan as “graves consecuencias” da perda de calidade do servizo sanitario

Xunto coas traballadoras e traballadores do 061 estiveron esta mañá a deputada do BNG Montse Prado, os deputados do PSdeG Julio Torrado e Xoaquín Fernández Leiceaga e o voceiro municipal socialista, Paco Reyes. As e os representantes políticos solidarizáronse co persoal e instaron á Xunta a “rectificar”.

Fernández Leiceaga salientou as “graves consecuencias” da “perda de calidade dun servizo básico”, namentres Prado lembrou á persoa falecida esta fin de semana no PAC da Estrada sen recibir atención médica e pediu pór fin a situacións coma esta mellorando o servizo e os recursos dispoñíbeis.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -