O porto centra a atención da meirande parte dos aspirantes á Alcaldía da Coruña. É o caso do BNG onde o candidato Francisco Jorquera xa nos contaba nunha entrevista que “o futuro da cidade decídese nos terreos do porto. En primeiro lugar, está o debate de se deben ser de uso público ou compatibilizar usos. Nós apostamos polos usos públicos. En exclusiva”.
O candidato da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, tamén aposta polo uso público dos terreos do porto. “É o gran desafío das próximas décadas”, sostén. Ademais, considera que nos últimos catro anos conseguiron grandes conquistas como ser unha referencia en iniciativas sociais como a renda social municipal.
A candidata do PSOE, Inés Rey, fala de realizar melloras nas infraestruturas. Para iso, sostén que é preciso un “diálogo institucional” co goberno de Madrid.
Este domingo, 26 de maio, decidirase nas urnas a configuración do goberno municipal. Nas pasadas eleccións municipais, Marea Atlántica sacara 10 edís, o PP outros 10, o PSOE 6 e o BNG 1.