A festa do Banquete de Conxo terá un convidado moi peculiar: a cabra. Do 19 ao 22 de abril, 21 establecementos da cidade servirán diferentes pratos elaborados en base a este ingrediente, co obxectivo de “dinamizar” a oferta gastronómica compostelá durante esta semana de celebración.
Alén da preparación tradicional ao forno, a cabra ofrece unha ampla oferta gastronómica que permite elaborar empanadas, empanadillas ou tostas de pan. A Asociación Hostelería Compostela desenvolveu un curso de formación hostaleira para persoas desempregadas no que, baixo a dirección do cociñeiro José Quintáns, elaboraron unha serie de pratos para a ocasión.
A histórica da emblemática carballeira
Durante estes días, calquera persoa que consuma algún destes pratos nun establecemento adherido á campaña obterá como agasallo un exemplar do libro “Balada ceibe no bosque de Conxo”, unha edición do historiador Quique Alvarellos que afonda na historia da emblemática carballeira.
Como participar?
Quen desexe consumir os pratos de cabra durante a propia xornada de celebración do Banquete, o vindeiro domingo, deberá obter previamente un tiquet nos establecementos participantes.