A Plataforma contra a Burla Negra, a protesta cultural do movemento Nunca Máis, cumpre dezaseis anos. Agora un proxecto baixo o nome de “Unha Gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige 2002-2019” quere dar a coñecer e reflexionar sobre o que supuxo aquel estoupido de creatividade rebelde na nosa sociedade.
A memoria volve a Compostela
Para o coordinador do proxecto, Jorge Linheira, “é preciso investigar e poñer en valor todo o que rodeou a Plataforma contra a Burla Negra”, na opinión deste investigador hai moita relación entre o movemento do Nunca Máis as protestas pacifistas e ecoloxistas e mesmo no 15-M”.
O proxecto botará a andar o próximo venres, nun acto que se vai celebrar no Auditorio de Galicia a partir das 16:30 horas cunha introdución explicativa do propio Jorge Linheira á que seguirá unha conferencia a cargo de Germán Labrador, profesor titular da Universidade de Princeton. Logo terá lugar unha mesa redonda sobre “A acción creativa nos procesos de mobilización social e política”.
Xunto á exposición, que visitará varios concellos galegos, o outro apartado importante do proxecto é a creación dun arquivo con todo o material conservado da Burla Negra. Con el crearase un arquivo dixital e outro físico que estará situado na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago.