Cada ano a Semana Europea da Mobilidade lémbranos que é preciso mudar os modelos de transporte, sobre todo nas cidades, se queremos contar con espazos menos contaminados e que teñan ao peón como protagonista.
Numerosas son as experiencias que día a día procuran unha mellor convivencia entre o coche e o peón. A bicicleta conseguiu impoñerse como vehículo máis axeitado en boa parte das urbes europeas e xa leva anos tentando asentarse nas cidades galegas.
Moito por facer
Compostela é un exemplo. A capital do país, malia o seu tamaño máis humano ca outras cidades, conta con elementos abondo como para transformarse nun lugar máis propicio para o uso das dúas rodas. Hai persoas que empregan a bicicleta cada día mesmo para ir ao traballo. É o caso de Raquel Piñeiro, da asociación Composcleta, que explica que aínda falta moito traballo por facer para facilitar o emprego deste vehículo. “O máis importante é a seguridade”, apunta a Nós Televisión, “se existe é máis fácil que a xente se anime”.
A súa asociación promove o uso da bicicleta todo o ano e colaboran na organización da Semana da Mobilidade que terá lugar en Santiago entre o 21 de setembro e o 10 de outubro.
Traballar coa bicicleta
En Compostela tamén hai un sector empresarial que xa traballa coa bicicleta. É o caso de Tournride S. L. que aluga este vehículo para o resto da península como un xeito de facilitar o desprazamento de peregrinos, mais tamén ten un servizo de bicicletas urbanas pensado para as persoas ou visitantes que chegan á cidade e queren desprazarse con elas.
“Fixemos unha campaña para promocionar este servizo”, explica o seu responsable Xabier Rodriguez, “mais aínda falta moito, sobre todo en lexislación”. Pensa que non está moi claro o papel dos ciclistas na cidade e que debería de explicarse mellor a norma de uso, por exemplo enriba das beirarrúas ou no propio casco histórico.
Mudanzas no Ensanche
A cidadanía valora os cambios que se realizaron no Ensanche compostelán para humanizar a zona. Sobre o seu éxito hai opinións de todo tipo. As persoas que, por motivos de traballo ou estudos, coñecen outras cidades de Europa onde a bicicleta está implantada consideran difícil chegar a ese nivel aquí.
Compostela celebra a semana da mobilidade dende unha óptica feminista
En todo caso nótase, e así nolo explican, que a veciñanza xa se fixo cun novo espazo que ata entón non tiñan. E paga a pena.