A Asociación de Pacientes do CHUS emitiu un comunicado este mércores denunciando “as carencias” de dotación de profesionais na área de radiodiagnóstico e a súa repercursión na calidade do servizo e as listas de espera. “Non é asumible que esta área sanitaria careza dunha garda específica de vascular-intervencionismo, asistencia que veñen suplindo profesionais sen a formación específica precisa, unha garda da que están dotadas as principais áreas sanitarias do SERGAS, menos a nosa, e que foi solicitada á Consellería hai máis dun ano, sen ningún tipo de resposta pola súa parte”.
“Non podemos entender como se pode permitir chegar a unha situación coma esta”
“É intolerable que non haxa nesta área sanitaria a dotación adecuada para dar resposta a casos de especial gravidade”. A Asociación tamén denuncia o incumprimento do acordo asinado co servizo de radiodiagnóstico para incorporar as profesionais precisas para poñer a disposición de todo o colectivo de pacientes da área sanitaria as máquinas cedidas pola multinacional Medtronic. “Ante este incumprimento, tivemos coñecemento de que o persoal sanitario do servizo de radiodiagnóstico do CHUS adoptou o acordo de deixar de facer “peonadas” no mes de novembro. Estas múltiples “peonadas” (‘horas extras’) veñen a ser o modo de suplir o traballo dos profesionais que serían necesarios para manter a actividade do servizo e dar resposta á demanda asistencial desta área sanitaria, que conta cunha lista de espera para probas de imaxe de máis de 12.000 pacientes”.
“Non podemos entender como se pode permitir chegar a unha situación coma esta que, de non ser resolta con máis medios persoais, vai aumentar as listas de espera e a demora na asistencia e traer graves consecuencias para a parte mais débil do proceso de atención: os e as pacientes”. Dende a Asociación consideran que “o que se pretende é converter a austeridade estrutural en falsa eficiencia para maquillar as estatísticas e ofrecer unha aparencia de calidade que se poida vender politicamente a custa do esforzo do persoal sanitario e do trato desigual aos pacientes”.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS é un dos principais colectivos que denuncia a introdución da multinacional Medtronic no sistema sanitario galego e as deficiencias no Hospital Clínico de Santiago.