A Asemblea e o Consello local do BNG de Compostela decidíu que “non se dan as condición” para entrar no Goberno municipal “neste momento”. “Sen cerrar ningunha porta para retomar esta cuestión nun momento posterior”, indica a número 1 da lista do BNG Compostela Goretti Sanmartín que tamén sostén que “o BNG pasará no futuro inmediato a exercer o seu papel dunha oposición construtiva, cun seguimento moi estrito dos pasos dados por Xosé Sánchez Bugallo nos primeiros meses desta nova etapa no Concello de Santiago”.

Segundo explicou, na semana seguinte ás eleccións mantivo un encontro con Xosé Sánchez Bugallo, tras unha chamada del, onde lle trasladou que “o PSOE estaba preparado para gobernar en minoría, mais que lle parecía ben que entrásemos no goberno”. “Á lóxica pregunta de se tiña pensado facer ese convite a algunha outra formación dado que entre as dúas forzas non tiñamos maioría absoluta, a súa resposta foi que non lle preocupaba a estabilidade e que iría chegando a acordos tanto coas forzas da esquerda como co PP, dependendo dos temas e das situacións”, engadiu, “o BNG xulgou que a solución resultante sería de incerteza para o concello; preocúpanos, pois, a inestabilidade que se poida deducir desta situación”, explicou. Ademais, Xosé Sánchez Bugallo xa anunciou que procuraría “acordos pola dereita e pola esquerda, unha opción que vemos con perigo de ofrecer un resultado escorado cara a políticas de dereita que se sitúan moi lonxe das defendidas polo BNG”.

- Publicidade -