A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) anuncia que vén de presentar alegacións á Lei de avaliación ambiental de Galicia, que se atopa no trámite de consulta pública previa. Dende a APDR consideran que “non se xustifica” a elaboración dunha nova Lei cando existe normativa “suficiente” como por exemplo a Directiva 2011/92/UE ou a Lei 21/2013.
Así e todo, centran a súa oposición ao proxecto en dúas razóns que ven fundamentais. A primeira, critican que a nova lei implique a “submisión dos criterios ambientais aos puramente económicos” e, en segundo lugar, denuncian que a normativa na práctica suporá “unha rebaixa nos xa escasos niveis de control ambiental aos proxectos públicos e privados potencialmente daniños para o medio ambiente”. En concreto, “a pretendida simplificación adminsitrativa vai supor a diminución da participación pública e, xa que logo, un recorte dos dereitos individuais e colectivos a intervir nestes procedementos”.
Por último, lembran que na actualidade xa se dan casos de avaliaciósn ambientais “excesivamente simples” que obrigan á veciñanza a presentar alegacións para rebelar consecuencias ambientais non reflectidas nos estudos. Agora, con esta nova normativa que quere sacar adiante o executivo de Alberto Núñez Feijóo, os prazos acurtaríanse aínda máis diminuíndo a participación pública.