“En plena crise provocada pola presenza do coroavirus COVID-19, que pon en xaque a saúde do conxunto da poboación e que obrigou ao goberno do estado a adoptar medidas moi drásticas que inclúen o actual “estado de alarma” e, xa que logo, o peche de toda aquela actividade industrial e comercial que non sexa estritamente necesaria para a loita contra o virus, unha actividade que foi debidamente identificada, e mesmo o confinamento da poboación nas súas casas por ser esta unha medida imprescindíbel no combate contra o virus, a fábrica de ENCE en Pontevedra fai gala de non pechar a produción”. Así comeza o comunicado emitido a prensa pola Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra tras o posicionamento da dirección da fábrica pasteira asentada na ría de Lourizán.
A APDR critica esta actitude empresarial que demostra “a defensa do seu exclusivo interese fronte ao interese xeral”. “Cando o comercio local, as pequenas empresas, os autónomos, e mesmo empresas que -coma as do sector do automóbil- teñen un peso infinitamente superior na nosa economía que a fábrica de Lourizán, teñen respondido ao chamado en defensa da saúde e a vidas das persoas, ENCE mantén a súa actividade pondo en risco a saúde dos seus traballadores e a do conxunto da poboación da comarca”.
Ante isto, a APDR solicita o peche inmediato da fábrica ENCE e que as traballadoras poidan ir para a casa sen ver alterado o seu salario. Neste sentido, destaca que esta crise sanitaria non pode server para os custes económicos e sociais recaian sobre as clases máis desfavorecidas desta sociedade.