Home Espazo Aberto Medio ambiente A APDR denuncia o “reiterado silencio” da Xunta ante os vertidos de ENCE á Ría

A APDR denuncia o “reiterado silencio” da Xunta ante os vertidos de ENCE á Ría

0
A APDR denuncia o “reiterado silencio” da Xunta ante os vertidos de ENCE á Ría

A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) vén de presentar un recurso de alzada contra a Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia (SXAA) pola negativa a facilitar, de forma reiterada desde o ano 2015, os datos de vertido de ENCE á Ría e os resultados das análises derivados das Inspeccións realizadas pola Administración galega nas instalacións da citada empresa.

Desde a APDR denuncian o “reiterado silencio” das súas solicitudes por parte da Administración. “Non somos quen de atopala, pois é imposíbel atopar resposta á actitude irrespectuosa da SXAA cos dereitos contemplados na Lei e no Convenio de Aarhus”, lamentan. “E, como queira que nos últimos anos observamos con asombro coma distintos membros do PP e do Goberno da Xunta saen en defensa pública da empresa ENCE, preguntámonos: estará a Administración protexendo a ENCE incumprindo a Lei e impedindo o dereito á información contemplado pola Lei 27/2006?”.

“Co noso recurso de alzada solicitamos que se proceda de inmediato a facilitar toda aquela información solicitada entre os anos 2015 e 2018, así coma aquela outra que se teña producido con posterioridade e ata a data de presentación deste recurso”, sosteñen no comunicado publicado na súa páxina web.