O encontro mantido este luns entre Martiño Noriega, Augas de Galicia e Acuaes deixou ao alcalde de Santiago “decepcionado” polo “inmobilismo” de ambas Administracións, que rexeitan a súa proposta de ampliar a actual EDAR da Silvouta polo “risco” de perder os fondos europeos que cofinancian o proxecto. O executivo de Noriega amosou a súa decepción ante unhas administracións que non moveron nin un só milímetro as súas posturas.
A oposición pide “garantías” no proxecto da Silvouta
O grupo local do PSdeG lamenta a “irresponsabilidade” de Compostela Aberta neste asunto, ao tempo que pide “garantías” para o proxecto da Silvouta. A mesma visión crítica compártea o BNG, que respalda a ampliación da depuradora actual pero considera que a proposta chega “demasiado tarde” para cumprir os prazos establecidos no convenio. O voceiro nacionalista, Rubén Cela, pide a Noriega que explique “por que apoiou a ubicación do Souto durante dous anos e medio”.
O Concello solicita unha xuntanza en Madrid
Raxoi quere demostrar a viabilidade do proxecto
Pola súa banda, o alcalde Noriega solicitará unha xuntanza en Madrid coa presidencia de Acuaes e a Secretaría de Estado de Medio Ambiente para defender a viabilidade do seu proxecto, un encontro no que os partidos da oposición non depositan esperanza algunha e tremen que o Concello perda os fondos e a única solución pase por construír unha depuradora a través dunha empresa privada, o cal “repercutiría no peto da veciñanza durante preto de 50 anos”.