A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fixo este luns pública a carta que dirixiu ao presidente da Real Academia Galega, D. Víctor Freixanes, na que solicita unha prórroga ou alongamento do Día das Letras Galegas 2020 ao ano 2021. Hai apenas uns días, a Real Academia Galega xa decidira adiar ao 31 de outubro o acto central de homenaxe. A continuación reproducimos a carta enviada pola AELG:

“Prezado Sr. Presidente da Real Academia Galega,

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

A situación de excepcionalidade sanitaria, social e cultural que está a vivir a Galiza, levou a anular toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación da figura do narrador, poeta, ensaísta, lingüista, profesor e pensador don Ricardo Carvalho Calero, no ensino e nas diversas actividades de concellos e outros colectivos culturais.

Despois de se reunir o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, acordou trasladarlle á Real Academia Galega, que avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021.

A RAG, como consecuencia desta grave situación, decidiu adiar ao 31 de outubro -data próxima ao aniversario do nacemento no noso escritor- os actos de celebración das Letras Galegas deste ano 2020. A celebración do seu nacemento xustificaría de por si tan importante acto a celebrar pola RAG e toda a cidadanía na súa cidade natal.

Sendo conscientes do esforzo que a RAG fai anualmente para a divulgación do autor ou autora elixido, e as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural.

Ao tempo, a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural. Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos”:

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -