Home Espazo Aberto Lingua AELG insta á Xunta a derrogar o decreto que impide o uso do galego na docencia de todas as materias

AELG insta á Xunta a derrogar o decreto que impide o uso do galego na docencia de todas as materias

0
AELG insta á Xunta a derrogar o decreto que impide o uso do galego na docencia de todas as materias
Manifestación de Queremos Galego, esta mediodia en Santiago

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) emitiu este xoves un comunicado amosando a súa “profunda preocupación” ante o que consideran un “explícito desatendemento do proceso de normalización” da lingua galega con respecto ao “escaso avance” na aplicación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas detectado no informe do Comité de Ministros do Consello de Europa.

“Como traballadoras da palabra, as escritoras e escritores en lingua galega non podemos máis que facer notar o noso desacougo ante o desamparo ao que se ve sometida a lingua galega a nivel institucional desde a aprobación dun marco legal regresivo para a vitalidade do galego”.

O goberno galego incumpre a Carta Europea

O incumprimento sobre a normalización da lingua galega atópase recollido no informe publicado polo Consello de Europa. A AELG destaca, especialmente, a primeira recomendación que realiza este organismo: “Eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos”.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere lembrar que a esta situación se chegou por “vontade unilateral do goberno galego hai unha década, ignorando a vontade da maioría social e desoíndo a reflexión das profesionais do ensino e da sociolingüística”.

A AELG bota man do informe que realizado polo Instituto Galego de Estatística que indica como o galego perde presenza entre a xente moza, posto que xa o 25% manifesta non saber expresarse na nosa lingua. Resultados que chegan após a imposición do Decreto 79/2010, que contou cunha ampla oposición social e que, nove anos despois, se demostra como un elemento que non impediu os retrocesos e, por suposto, non supuxo ningún avance.

“Somos traballadoras da palabra de noso que leva apegada nela a memoria colectiva e como tal reclamamos que as autoridades atendan co debido respecto as advertencias do Consello de Europa”, advirten.

“Entendemos que estas advertencias deberán ser motivo de reflexión para quen ten a obriga legal e moral de coidar da lingua propia, após ser recriminado publicamente con tal contundencia e claridade. No entanto agardamos que polo menos sirvan para mudaren o camiño que nos leva á extinción lingüística e cultural. Por iso a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega considera que cómpre virar o rumbo e derrogar as normas que impiden o uso da nosa lingua na docencia de todas as materias, para camiñarmos cara á galeguización do ensino como paso imprescindíbel para frear o descenso do uso da nosa lingua e recuperar o seu uso, así como garantir o seu futuro”.