A Academia Galega do Audiovisual recolle “O que vai vir en 2020” nun momento doce para o cinema galego marcado polo éxito social de “O que arde”. Pero se algo hai rechamante para o novo ano son os documentais biográficos que se van gravar ou estrear. A produtora Cósmica Producións traballa nun documental da activista e poeta compostelá Luz Fandiño, con quen falamos en Nós Televisión hai unhas semanas. Titularase “Luz Fandiño, a poeta analfabeta” e está dirixido por Sonia Méndez.
Outra figura histórica galega cun documental será Xosé Manuel Beiras, nun filme dirixido por Pepe Coira que levará por título “Beiras, vivir dúas veces”.
Lara Bacelo tamén prepara un documental sobre a figura de Carlos Casares e Eduardo Herrero e Manuel Lemos levarán ao cine a historia de Kevin Weatherhill, fundador de Immaculate Fools, co que tamén falamos hai uns meses en Nós Televisión.
Salientan desde os Papeis da Academia que neste ámbito, unha produción galega gravada entre Fisterra, Suíza e Cuba –“A media voz”– vén de gañar o Premio ao Mellor Documental no IDFA de Ámsterdam. O filme prevé estrearase en 2020 e foi dirixido por Patricia Pérez e Heidi Hassan.
A Academia Galega do Audiovisual tamén destaca a “forte produción en animación”, as doce longametraxes a estrear e o aumento da produción de series para novas plataformas.