“Hai unha profunda crise no estado español co boquete que o rexime do 78 ten aberto en Cataluña”. Con estas palabras, Joam Peres, integrante de Causa Galiza, encadra o proceso “político-xudicial” iniciado o 30 de outubro de 2015 en contra do independentismo galego. O militante ve unha estratexia de “represión preventiva a todas as forzas de liberación nacional” baixo a batuta da Audiencia Nacional.
O certo é que a operación Jaro I se desenvolveu un mes despois de que Junts pel Sí gañara as eleccións catalanas, que funcionaron como o primeiro referendo independentista do pobo catalán. E apenas uns meses antes do segundo referendo catalán, o realizado o 1 de outubro, tería lugar en Galiza a operación Jaro II.
Catro anos de proceso xudicial
A través destas dúas operacións, a Audiencia Nacional construíu unha causa contra Causa Galiza, partido político, e Ceivar, colectivo antirepresivo. Nun primeiro momento, a Fiscalía acusou a nove persoas dun delito de integración en banda armada pero, a comezos de xullo deste ano, ás portas do Día da Patria, a Fiscalía recuou e retirou esta acusación. O Ministerio Fiscal pasaba daquela a vincularlles un delito de enaltecemento do terrorismo.
Agora, “o proceso dá unha volta completa”, explica Joam. A Fiscalía da Audiencia Nacional inclúe un novo delito de integración en banda crimonosa para o enaltecemento do terrorismo na que basea a petición de ilegalización e disolución das organizacións Causa Galiza e Ceivar.
A inclusión deste novo delito no procedemento xudicial engade un elemento máis ao castigo xudicial do independentismo. A solidariedade coas presas xa non é castigada só a nivel individual senón tamén colectivo.