Volve, con máis forza, Enreguéifate

Santiago, Ames, Teo e Carballo renovan o compromiso coa regueifa, unha tradición ancestral que olla cara o futuro

Imaxe da rolda de prensa desta mañá

Se as “batallas de galos” triunfan hogano arredor de todo o planeta, por que non as regueifas? Ao igual que os populares encontros entre cantantes de hip-hop, esta ancestral tradición musical de Galicia baséase na improvisación oral en verso.

Os concellos de Santiago, Ames, Teo e Carballo decidiron unir as súas forzas para renovar a imaxe da regueifa perante os valores da igualdade, a xustiza social e a mocidade. Nace, deste xeito, o proxecto ‘Enreguéifate’, unha xornada a prol do fomento da regueifa na educación que se desenvolverá o vindeiro sábado 17 de febreiro en Carballo.

“Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega”

Emocións, música e lecer

O obxectivo principal desta xornada é promocionar o uso da lingua galega a través da improvisación oral que caracteriza á regueifa, fundamentalmente no eido educativo. Téntase ensinar a través das emocións, establecendo maiores sinerxias co estudantado. En consecuencia, desenvolverase ao longo do día unha serie de ponencias e obradoiros interactivos que achegarán a tradición galega á poboación máis nova. Un dos piares desta oferta cultural é o proxecto “Regueifesta”, cuxa meta é transformar o camiño da lingua perante a improvisación oral.

O evento celebrarase na Praza dos Bombeiros Voluntarios de Carballo, e a inscrición poderá realizarse de balde a través do portal www.enregueifate.gal. Ofertaranse 49 prazas para o profesorado de escolas públicas e concertadas e 21 para estudantes e persoal docente doutros centros.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego