Villares: “A dimisión de Merlo evidencia a diferenza ética entre En Marea e o PP”

O voceiro de En Marea valora a renuncia do deputado Juan Merlo e anima ao Partido Popular a "seguir o seu exemplo"

O pasado venres, o deputado de En Marea Juan José Merlo anunciaba a súa dimisión logo de coñecerse que mentira no seu currículo ao asegurar que tiña un título de Enxeñaría que non chegara a rematar. Luís Villares, voceiro do grupo parlamentario, considera que este feito evidencia a “diferenza ética” entre a súa formación e o Partido Popular.

Villares referiuse non só ao escándalo da presidenta madrileña, Cristina Cifuentes, senón tamén a outros casos recentes do PPdeG coma o da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen se negou a abandonar o seu posto malia recoñecer que non posuía unha titulación universitaria que figuraba tamén no seu currículo. Pola súa banda, o PP, a través do deputado Pedro Puy, mantén que o líder de En Marea non é quen de “dar leccións de moralidade”.