Unha vintena de restaurantes participará na Festa Gastronómica das Uñas

Este evento en honor a San Lázaro celebrarase do 16 ao 19 de marzo en Compostela

Bertóns, patacas e chourizos acompañarán estes días a unha das pezas máis peculiares da gastronomía compostelá: os pezuños de porco. Ou, como é tradición chamalos na capital galega, as “uñas de San Lázaro”. Entre o venres 16 e o luns 19 de marzo, 22 locais de restauración de toda a cidade servirán esta tapa para todos aqueles e aquelas que decidan probala.

Martiño Noriega a Marta Lois participaron esta mañá na presentación

Do venres 16 ao luns 19 de marzo

A este evento, desenvolto nas cociñas da Asociación Hostalería Compostela, acudiron a concelleira de Igualdade, Marta Lois, o rexedor da cidade, Martiño Noriega, a presidenta da asociación, Sara Santos, e catro alumnas e alumnos do ciclo de Cociña do CIFP Compostela, quen cociñaron o prato degustado. O alcalde valorou a “cooperación institucional” que permitiu a reedición desta festa gastronómica.

Sorteo dunha noite nun hotel ecorural

As persoas que consuman este prato nos restaurantes adheridos recibirán un boleto para concorrer ao sorteo dunha cea degustación e unha noite de aloxamento para dúas persoas no Hotel Ecorural Nós, no Concello de Silleda.