Silvia Federici abrirá a Escola de Empoderamento feminista da Coruña

A concellaría de Igualdade e Diversidade crea unha nova iniciativa para dar recursos formativos na materia

A cidade da Coruña contará cunha nova iniciativa en materia de igualdade: a Escola de Empoderamento Feminista. O ambicioso proxecto presentouno en rolda de prensa a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, asegurando que ten “vocación de estabilidade” dentro da programación municipal. A idea é ofertar un recurso de formación para a cidadanía interesada na mellora da incidencia política para a igualdade e facilitar a creación de redes.

Cartaz do evento

A actividade abrirase o vindeiro 3 de abril cun acto no que participará a pensadora feminista e profesora na Universidade de Hofstra de Nova York Silvia Federici, que falará de “A nova caza de bruxas, coidados e comúns. Desafíos nas loitas feministas do século XXI”, presentada pola profesora do Centro de Estudios de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, Antía Pérez Caramés.

O lugar escollido será o Paraninfo da Universidade ás 19.00 horas e contará cun espazo de conciliación para os nenos e nenas no centro cívico de Cidade Vella, para o que é preciso reservar praza cun mínimo de 48 horas de antelación no teléfono 981 184 253.

Actividades gratuítas

As actividades da Escola de Empoderamento Feminista serán gratuítas, participativas e en formatos de obradoiros. As primeiras que terán lugar o vindeiro trimestre versarán sobre identidades de xénero, subxectividades e diversidades, os dereitos humanos no enfoque das relacións e da convivencia, o empoderamento vital e empoderamento colectivo e os liderados transformacionais para unha vida libre de violencias.

Quen é Silvia Federici?

Federici (1942, Italia) é unha escritora, profesora e activista feminista e que ten realizado importantes achegas teóricas sobre o traballo doméstico e de coidados. A filósofa e historiadora  marxista-feminista conversou recentemente con El Salto Diario, tras unha das súas últimas visitas ao estado.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego