O PSdeG seguirá a loitar no 2018 por “mellorar as prestacións dos servizos públicos”

Remata a semana coa presentación das liñas de actuación do PSdeG-PSOE neste 2018

O Partido Socialista de Galicia encara o novo ano con enerxías anovadas e moitos obxectivos enriba da mesa. O voceiro parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, e a deputada Patricia Vilán, ofreceron este venres un almorzo informativo no que trazaron as liñas de actuación para o 2018. A formación vermella centrarase na defensa dos servizos públicos e todos os asuntos de transcendencia para Galicia, tentando “fuxir” da actualidade política catalá.

Feijóo non está á altura de Galicia

Fernández Leiceaga acusou ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de non estar á altura dos intereses de Galicia, xa que, considera, “privilexia a súa estratexia persoal” e acata as “doutrinas impostas dende Madrid”. Neste senso, criticou a composición da Comisión de Estudo dos Lumes, na que non comparecerán nin o presidente Feijóo nin os colectivos ecoloxistas que pediron participar, “vetados” polo goberno do PP.

O voceiro da formación socialista no Parlamento incidiu na importancia de mudar o modelo de financiamento autonómico, unha “promesa incumprida” polo Goberno central. Con todo, o PSdeG non perde de vista o horizonte das eleccións municipais do vindeiro ano.