Presentado o proxecto da Intermodal, no que se investirán máis de 40 millóns de euros

Un dos proxectos máis ambiciosos para Compostela de cara ó Ano Santo está a dar os seus primeiros pasos. A Cidade da Cultura acolleu este mércores a presentación da futura estación intermodal, que nace co obxectivo de se converter no “centro de gravidade” da cidade debido á súa ubicación. O arquitecto do proxecto, Abraham Piñate, salientou que o desenvolvemento das obras será “totalmente compatible” co uso completo das instalacións.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que esta non é unicamente unha infraestrutura de transporte, senón que se tratará tamén un lugar de encontro para a cidadanía e o turismo dada a súa “beleza” e “boa integración na paisaxe”. Pola súa banda, o ministro de Fomento apuntou ás melloras de mobilidade e acceso grazas á pasarela exterior que permitirá comunicar Pontepedriña co Ensanche.

Neste proxecto, no que colaboran Concello, Xunta, Fomento e ADIF, investiranse máis de 40 millóns de euros en varias fases de execución. A licitación das obras para a primeira parte do proxecto levarase a cabo nas vindeiras semanas.