O legado literario de Xosé Neira Vilas semella non ter fin. A editorial Galaxia vén de presentar, nun acto celebrado en colaboración coa Fundación Neira Vilas na libraría Couceiro, un libro inédito até o de agora: De Gres a Cádiz”. Trátase dunha obra autobiográfica na que, a xeito de “memorias parciais” da súa vida persoal, o escritor expón as súas vivencias, dende a súa infancia na parroquia de Gres até a chegada a Cádiz, onde embarcou con 20 anos cara ao continente americano.

Galaxia publicará outro inédito do autor en 2019

“De Gres a Cádiz” é un novo volume que se suma á colección Biblioteca Neira Vilas, un espazo que Galaxia adica ao prolífico escritor nado na localidade pontevedresa de Vila de Cruces. Asemade, a editorial xa anunciou que publicará outro libro inédito de Neira Vilas no ano 2019.

Nas vindeiras datas chegará ás librarías este libro, que amosa, como indicou o propio Neira nun prólogo que deixou escrito xunto co volume agora publicado, as orixes biográficas dun dos autores máis venerados da literatura galega.