“Os recortes en Sanidade matan”

PSdeG e BNG lamentan os colapsos nas Urxencias após coñecer a denuncia da Fiscalía á Xunta pola morte dunha muller no corredoiro do Hospital Clínico de Santiago

O pasado 31 de xaneiro, unha muller faleceu no corredoiro das Urxencias do Hospital Clínico de Santiago mentres agardaba a súa quenda para ser atendida. Agora a Fiscalía denuncia á Xunta de Galicia por un presunto delito de homicidio imprudente por mor do colapso no servizo de Urxencias. Xoaquín Fernández Leiceaga, líder do PSdeG-PSOE no Parlamento, lamentou este luns o funcionamento “deficiente” da Sanidade galega.

O conselleiro nega os colapsos nas Urxencias

Máis crítica foi a voceira do BNG, Ana Pontón, quen acusou ao conselleiro de Sanidade, Vázquez Almuíña, de ser “incapaz” de atender as demandas da cidadanía, ao tempo que lembrou que os recortes “deterioran” o sistema sanitario e “matan” ás e os doentes. Pola súa banda, o conselleiro nega que se producisen “colapsos” nas Urxencias e cualifica o acontecido esta fin de semana coma “enlentecemento da atención dos pacientes menos graves”.