O xornalismo galego denuncia “acoso policial” na cobertura do Escarnio

Conversamos co Colexio de Xornalistas, con persoas afectadas e con representantes dos principais partidos políticos

A polémica actuación policial nas manifestacións de apoio ao CSO Escárnio e Maldizer que defenden na corporación municipal PP e PSOE ten aberta outra fronte. A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia denunciou o pasado martes os impedimentos ao labor das e dos informadores por parte dos denominados corpos de seguridade do Estado durante a actuación policial contra a manifestación realizada o pasado sábado en Compostela. Ao colexio chegaron denuncias da situación que o colexio puxo xa en coñecemento do Goberno civil.

Disparidade de opinións no Concello de Santiago

Na corporación municipal hai disparidade de opinións en relación a este tema. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o voceiro do BNG, Rubén Cela amosaron a súa solidariedade e apoio aos xornalistas mentras que o concelleiro do PSdeG Gonzalo Muiños solicita probas deses incidentes e o concelleiro do PP, Alejandro Sánchez-Brunete afirma que o actuación “salvou a integridade física dos xornalistas”.

No seu comunicado o Colexio de Xornalistas asegura que “tivo noticia doutras accións contra o labor das e dos xornalistas que cubrían a manifestación, como agresións con porras por parte dos corpos antidisturbios e ameazas con sancións administrativas por fotografaren policías”. O Colexio lembra que “a Constitución outorga a toda a cidadanía o dereito fundamental a comunicar información veraz” e que non é necesario ningún tipo de identificación para exercer a profesión posto que o uso do chaleco é un acordo entre Interior e unhas asociacións privadas que non obriga a toda a profesión).