O PP elude responder a preguntas sobre a Mina de Touro

A petición para cancelar a renovación da extracción de cobre continúa sen contar co apoio do PPdeG

Esta mesma semana tivemos a oportunidade de preguntarlle a Pedro Puy, voceiro do PP no Parlamento Galego, sobre o apoio explícito do Goberno galego ao proxecto megamineiro de Touro e sobre as protestas sociais e o rexeitamento de numerosos concellos afectados.

“Aplicar a normativa medioambiental vixente”

Puy nin se manifesta a favor nin en contra e evita responder ante as preguntas de Nós Televisión ao tempo que afirma que nunca se permitirá un proxecto que non “cumpra coa normativa vixente”.

Porén, mentres o PP deixa entrever que o proxecto megamineiro de Touro cumpre coa normativa, científicos e expertos da Sociedade Galega de Historia Natural advirten das “deficiencias e contradiccións” no estudo de impacto ambiental e advirten do enorme “perigo” para veciños e para o medio ambiente dun proxecto “altamente” contaminante.