O BNG esixe o peche da planta de tecnosolos de Miramontes

A Xunta atopou 15 irregularidades nunha inspección recente

O complexo de Miramontes, na parroquia compostelá de Grixoa, podería ter os días contados. Após as numerosas denuncias da veciñanza e a implicación de PSdeG, BNG e Compostela Aberta, a Xunta de Galicia realizou unha inspección técnica á planta de tecnosolos acusada de verter residuos tóxicos e atopou quince irregularidades de carácter “grave”.

Emporiso, o Bloque pide que se actúe en consecuencia aos feitos e proporá, no Pleno do vindeiro xoves, unha moción para que o Concello de Santiago esixa ao Goberno galego o peche destas instalacións, debido á falta de colaboración da empresa ante as denuncias por degradar a contorna. Na devandita sesión plenaria estará presente unha delegación de veciños e veciñas de Grixoa, que exporá o seu malestar ante a corporación municipal. O BNG pedirá, asemade, que se inspeccione e regule a actividade do vertedoiro tamén instalado en Miramontes.

Recollida de sinaturas polo novo modelo de aparcadoiro

Por outra banda, o voceiro do grupo municipal do BNG anunciou que a súa formación comezará esta semana a recollida de sinaturas para instar ao Concello a implantar un modelo de aparcadoiro en rotación e de balde que substitúa ao sistema da ORA. Os nacionalistas instalarán unha carpa móbil en diferentes puntos da cidade para pedir á cidadanía que secunde esta proposta. O primeiro acto terá lugar o vindeiro venres na Praza Roxa, a partires das 17.00 horas.