O BNG de Teo realiza unha acción simbólica de apoio ao transporte público

Militantes desta formación fixeron o percorrido completo do Teobus para denunciar as carencias deste servizo no municipio

O BNG de Teo quixo denunciar cunha viaxe no Teobus as dificultades que teñen usuarios e usuarias deste servizo no municipio. “Comprendemos e apoiamos aos veciños e veciñas cando manifestan que o transporte público é un dos principais problemas dun concello situado á beira da capital de Galiza”, sinalan nun comunicado, “e consideramos fundamental a posta en marcha dun servizo municipal de transporte para comunicar as parroquias, polo que defendemos a necesidade de mellorar o actual servizo”.

O portavoz municipal do, Manuel Anxo Fernández Baz, acompañado dun grupo de militantes e simpatizantes, realizou o pasado venres o percorrido completo, de arredor de 50 minutos. Logo da vize o portavoz nacionalista asegurou que “o percorrido faise longo e debería utilizar outras rutas para chegar a máis puntos do concello, en consonancia coas demandas veciñais.”

Plan de actuación urxente

“En Teo levamos anos sufrindo as consecuencias da política urbanistica sen control nin planificación dos gobernos do PP que agora dificultan en extremo a prestación de servizos tan necesarios como o transporte, mais tamén sufrimos gobernos que non teñen a vontade política necesaria para paliar e resolver os moitos problemas existentes”, apunta Baz.

O BNG de Teo reclama un plan de actuación urxente que solucione estes problemas, “aínda máis tendo en conta que o goberno municipal de Anova-Son de Teo e PSOE conta cunha concelleira con dedicación exclusiva que no que vai de lexislatura foi incapaz de artellar solucións máis aló das declaracións de intencións”.