O BNG avoga por substituír a ORA por un aparcadoiro de balde

Fronte a remunicipalización do servizo que propón o Concello, o BNG aposta por eliminar o servizo

A “demora” do goberno municipal no proceso de remunicipalización dos servizos da ORA e o guindastre leva ao Bloque Nacionalista Galego a dar un paso á fronte. A formación nacionalista acusa ao alcalde, Martiño Noriega, de xestionar o asunto “do peor xeito posíbel” ao ter concedido unha novena prórroga á concesionaria Setex Aparki, cuxo vencello legal co Concello rematou hai dous anos tras unha sentencia xudicial que lle impedía prestar o servizo.

O grupo municipal do BNG denuncia que a empresa concesionaria non está a pagar o cánon fixo e variábel pola prestación do servizo, que corresponde ao 80% dos seus beneficios, polo que o Concello deixou de ingresar preto de medio millón de euros dende 2015. A empresa mantén que non acadou beneficios en ningún dos dous exercicios anteriores, mais Rubén Cela considera que este argumento “non é creíbel”.

Unha recollida de sinaturas

En consecuencia, o Bloque presentará no vindeiro Pleno a súa proposta, que consiste na supresión da ORA e a implantación dun modelo de aparcadoiro en rotación e de balde semellante ó que posúe a cidade de Pontevedra. Para presionar ao goberno de Compostela Aberta, o BNG iniciará unha recollida de sinaturas a prol desta medida.

Lores visitará Compostela para dar conta do modelo de pontevedra

Asemade, a formación nacionalista desenvolverá unha serie de iniciativas na cidade para fomentar a  súa campaña. Celebraranse xuntanzas cos principais colectivos afectados e un acto público no que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, exporá o “éxito” do modelo desenvolto na cidade do Lérez.


Noriega: “Se suspendemos o servizo da ORA como propón o BNG, botamos ás e aos traballadores á rúa”

Dúas semanas atrás, o alcalde de Santiago xa desbotaba publicamente a proposta do Bloque, afirmando que o voceiro nacionalista non proporía actuacións destas características no caso de “estar nunha posición de goberno” ao tempo que evidenciaba que suspender o servizo na actualidade suporía “despedir” ás e aos traballores que hoxe en día prestan o servizo; polo que o Concello continuará co proceso de remunicipalización do servizo