Home Programas Área Compostela Música, poesía e produtos de deseño para lembrar a Rosalía en Compostela

Música, poesía e produtos de deseño para lembrar a Rosalía en Compostela

0

A imaxe de Rosalía de Castro, a nosa poeta universal, convertiuse en toda unha icona cultural para o país. Lembrando a súa figura e o que representa a Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Fundación Rosalía de Castro, celebrarán os vindeiros días 29 e 30 de setembro un festival que reúna música, poesía e produtos de deseño. Na presentación do festival Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación, explicou que a idea xurdiu do centenario da escultura da Alameda compostelá.


“Rosalía está máis viva ca nunca”

Polo seu lado, Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago indicou a aposta da súa área polo comercio e o desenvolvemento dun territorio das mulleres no que tamén entraría figuras como a da nosa poeta. Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, quixo deixar claro que Rosalia está viva na nosa sociedade.

Tamén asistiu hoxe o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, salientou que a mellor homenaxe a Rosalía é facer presente a súa obra. Finalmente, Xiana Lastra, artista participante na gala, pechou a presentación da mesma asegurando que Rosalía é tan diversa que cada un ten a súa maneira de entendela.

29 de setembro

O Festival consistirá nunha gala no Teatro Principal que terá lugar o día 29 de setembro ás 21 horas e contará coas actuacións, entre outros, coa música de Abe Rábade, Uxía Senlle e Xiana Lastra, e a poesía de Anxo Angueira, Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta e Rosalía Fernández Rial. A día, seguinte terá lugar unha feira de produtos coa “marca Rosalía”, coa participación dunhas vinte empresas que fabrican camisolas, bixutería, cervexa, sacas, libros ou discos coa escritora como protagonista. O mercado rosalián instalarase na Praza de Cervantes e estará aberto de 11 a 20 horas.