Música e debate na segunda edición do ciclo ‘Compostela conversa’

Los Pilotos, Aries, Presumido e BFlecha serán as bandas protagonistas deste evento, que se celebrará o 17 de marzo e o 13 de abril

Compostela reedita o ciclo musical ‘Compostela conversa’, que pon en valor os vencellos existentes tralas propostas artísticas “máis interesantes do momento”. En dous eventos que se desenvolverán nas vindeiras datas, catro bandas descubrirán, por medio das súas actuacións en directo e un diálogo aberto co público, os fíos que unen e outorgan consistencia ás súas propostas musicais.

O primeiro evento celebrarase o vindeiro sábado 17 de marzo no Auditorio de Galicia, a partires das 19.30 horas, e as bandas convidadas serán Los Pilotos, composta polos integrantes de Los Planetas, e Aries, o álter ego de Isabel Fernández. A segunda quenda será para BFlecha e Presumido o 13 de abril no Teatro Principal. Ámbalas dúas conversas serán dirixidas por Cristina Miranda, e abranguerán temáticas coma a morte e a resurrección, o hedonismo e a introspección ou a contraposición entre o sintético e o natural.

As entradas para cada encontro terán un prezo de 10 euros

As entradas para cada un dos encontros terán un prezo de 10 euros e aplicaranse os descontos habituais. Poderanse mercar dende hoxe a través da web entradas.abanca.com, no teléfono 981 910 522 ou nas billeteiras do Auditorio e o Teatro.