“Mulleres en acción. Violencia Zero 2016-2018” espallará pola provincia de Pontevedra a mensaxe do 25D

Tralo éxito de participación das primeiras edicións do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”, a Deputación de Pontevedra decidiu este ano impulsar un renovado conxunto de actividades con 25 accións ao longo do ano en 25 concellos da provincia: “25 accións en homenaxe ao 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas”, tal e como afirmou na presentación da actividade a propia presidenta da Deputación, Carmela Silva. Nesta terceira edición do programa, ademais, haberá performance, danza, teatro, música, poesía e graffiti.

Actuacións nos concellos

A terceira edición do programa, tal e como informou Silva, comezará o 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas, con performances en Pontevedra, a cargo de Ana Matey ás 11.00 na Praza da Peregrina, e Vigo, a cargo de Verónica Ruth Frías ás 19.30 no exterior do Museo Marco. Logo pasarán Mos e Cerdedo-Cotobade (decembro 2017); A Lama e Forcarei (xaneiro de 2018); As Neves e Lalín (febreiro 2018); Cambados e Ponteareas (marzo 2018); Barro e A Cañiza (abril 2018); Valga e Silleda (maio 2018); Catoira e Gondomar (xuño 2018); A Guarda e A Illa de Arousa (xullo 2018); Bueu e Moaña (agosto 2018); O Porriño e Ribadumia (setembro 2018); Vilagarcía de Arousa e Mondariz (Outubro 2018) e O Rosal (novembro 2018).

Denuncia da actual situación

Carmela Silva denunciou que “este ano van 49 mulleres asasinadas, 7 máis que no 2016 nestas mesmas datas, apuñaladas, queimadas, tiradas pola ventá, con centos de golpes e deixando orfos e orfas… e non podemos consentir que isto sega a suceder porque cando unha muller é asasinada, a sociedade é golpeada duramente”. A presidenta quixo rematar o acto de presentación, no que tamén participaron a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, deputadas e deputados provinciais e alcaldes e alcaldesas dos concellos da provincia, cunha mensaxe optimista. “O optimismo é o único que nos permite cambiar o mundo e, estou segura, imos rematar contra as violencias machistas porque non hai nada máis xusto que a loita contra as desigualdades e a violencia, e esa loita ímola gañar”.