Homenaxe a Ana Kiro na Feira do Queixo de Arzúa

Adentrámonos na figura de Ana Kiro, protagonista da 43 edición da Festa do Queixo

O Concello de Arzúa prepárase para celebrar a próxima semana o evento mais senlleiro da localidade, a Feira do Queixo. Este ano os festexos estarán adicados á ilustre cantante, actriz e presentadora Ana Kiro. Será o tamén músico Antón Axeitos -coñecido coma Tonhito de Poi- o encargado de emitir o día 3 o pregón inaugural, que incluirá referencias á polifacética artista. Axeitos foi guionista e subdirector do seu espazo Tardes con Ana, ademais de compartir con ela varias intervencións noutros programas da Televisión de Galicia coma o Luar.

Unha merecida homenaxe

No resto de actividades coas que o concello homenaxeará á cantante, esa mesma tarde prevese inaugurar un busto de bronce que o escultor Camilo Sieira realizou sobre a popular artista oriunda de Castañeda, ademais de reproducir a súa sinatura nun prato de Sargadelos.

Ana Kiro, figura esencial da música galega

Ana Kiro é unha figura capital na música e na cultura galega do pasado século. Comezou a súa carreira en Barcelona como cantante de música lixeira. Logra traballar como vocalista en programas de Televisión Española, onde estaría a punto de interpretar en Eurovisión o tema Vivo Cantando, oportunidade que finalmente recaería en Salomé. É nos 70 cando comeza a acadar sona na súa terra grazas ao sinxelo Galicia, terra meiga. Grazas a este realizará exitosos concertos para emigrados galegos en Suiza, Alemaña e Francia.

Conversamos co alcalde de Arzúa sobre a figura de Ana Kiro

Desde finais dos 90 converteuse nun dos rostros máis queridos da nosa televisión autonómica, sendo presentadora de distintos magazines coma o citado Tardes con Ana, do que estivo á fronte durante cinco tempadas. Tamén chegou a protagonizar no 2004 a serie A miña sogra e mais eu. Faleceu en 2010, vítima dun cancro co que levaba loitando varios anos.