“Galicia tardará 24 anos en acadar o nivel de emprego que tiña antes de entrar Feijóo”

En Marea denuncia o medre do desemprego nun 43% dende 2008

Os datos expostos na última Enquisa de Poboación Activa —EPA— amosan un incremento da taxa de desemprego en Galicia dun 43% dende o ano 2008. Así e todo, mentres o conxunto do Estado español acadou durante o 2017 unhas cifras de emprego moi semellantes ás anteriores ó comezo da crise, en Galicia aínda non se produciu tal melloría, xa que os datos actuais evidencian a tendencia contraria.

O goberno de Núñez Feijóo defende a súa xestión expoñendo que a taxa de paro galega é inferior á media estatal, mais o deputado de En Marea encargado da área de Economía, José Manuel Lago, lembra que ese diferencial foi diminuíndo dende o inicio do goberno do PP, pasando dunha porcentaxe seis puntos inferior a situarse só un 1,2% por debaixo das cifras de desemprego do conxunto do Estado. En consecuencia, se Galicia mantén esta tendencia, “non acadará os datos de emprego de 2008 ata dentro de 24 anos”.

Emporiso, o Grupo Parlamentario de En Marea presenta ao goberno galego unha batería de 101 cuestións acerca desta variación negativa do emprego en tódalas categorías da EPA.