A estrea en Compostela do primeiro traballo de investigación audiovisual do novo programa Madialeva causou grande espectación. “A ameaza do cobre”, un documental de Xosé Bocixa, abriu o que será un novo espazo de Nós Televisión dedicado a tratar temas de actualidade en profundidade.

O público acolleu con grande emoción a presentación do documental

O lugar escollido por Nós Televisión para a estrea con público foi o salón de actos do CSC Fontiñas. Ao redor de 150 persoas, moitas procedentes dos municipios de Touro e O Pino, seguiron con interese a proxección. Ao remate varios membros da Plataforma Mina Touro Non deron lectura ao seu manifesto e abriuse unha quenda de intervencións sobre o grave problema que conleva a apertura dunha explotación mineira na zona.

Representación política

Queren converter Galicia nunha mina e nós queremos vida

A esta proxección foron convidados os alcaldes dos municipios afectados, que non asistiron, e representantes dos partidos políticos con representación no Parlamento galego. A estrea televisiva terá lugar este venres ás 21:30 horas con reposición ao longo da fin de semana.

Xosé Bocixa

O director de “A ameaza do cobre” e responsable do programa Madialeva, Xosé Bocixa, nace en 1967 nas Encrobas. É músico, xornalista e cineasta. Ten unha extensa traxectoria activista en temas sociais e medioambientais. O seu documental “A ceo Aberto” narrou unha das primeiras revoltas agrarias trala morte de Franco: as expropiacións de terreos levados a cabo por Fenosa a súa vila natal.

Cando se poderá ver?

O vindeiro domingo, 18 de marzo, publicaremos na nosa web o documental ás 21:30h. Malia que se poderá ver desde mañá mesmo na nosa canle de TDT nos seguintes horarios

 

  • Venres 16 ás 21:30
  • Sábado 17 ás 13:00
  • Sábado 17 ás 22:00
  • Domingo 18 ás 16:00