Esquerda Unida defende en Vigo o seu modelo de financiamento para Galicia

A formación de esquerdas impartirá un coloquio o vindeiro xoves 15 de febreiro na cidade olívica

Baixo o lema “Reformular o Estado: Por un novo reparto da financiación”, Esquerda Unida organiza unha ponencia en Vigo na que exporá a súa proposta de financiamento autonómico, ao considerar que o anterior modelo —establecido para o período 2009-2014— fica actualmente obsoleto e non responde ás necesidades de Galicia.

No acto participarán Eva Solla, coordinadora de EU, Manuel Lago, deputado de En Marea, Carlos Sánchez Mato, concelleiro de Ahora Madrid e os economistas Albino Prada e María Cadaval, mestres da USC e a UVIGO respectivamente. O obxectivo principal deste coloquio, segundo Solla, é impulsar un novo modelo de reparto financeiro “proposto dende a esquerda e que represente a propia visión da esquerda”, isto é, que garanta unhas mellores condicións laborais para as traballadoras e traballadores do país e transcenda da “eterna pelexa” entre os territorios do Estado.

O “desgoberno” de Feijóo

Así e todo, o deputado Manuel Lago lamentou que aínda non se revisase o actual modelo de financiamento, deseñado inicialmente para rexer a política económica entre os anos 2009 e 2014. Para o economista de En Marea, este é un “novo fracaso” do “desgoberno” de Mariano Rajoy, que “priva” á sociedade galega dunha maior captación de ingresos debido a este plan de organización que “non responde” ás necesidades actuais.

A proposta de Esquerda Unida baséase na “suficiencia dos recursos propios”, a “loita contra o fraude fiscal” e a posta en marcha de “medidas para destinar máis ingresos e recursos ás comunidades autónomas e aos concellos”, en contraposición aos “fortes recortes” do ministro Montoro. Ao respecto do goberno da Xunta, Lago apuntou que Núñez Feijóo “someteu a unha dieta estrita á sociedade galega para non ter déficit, recortando o gasto público para non ter débeda coa fin de afianzar a súa boa imaxe”.