Home Programas Espazo Aberto Emilio Cao, “non estás só”

Emilio Cao, “non estás só”

0
Emilio Cao, “non estás só”

Namentres o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos apercibe a España por “vulnerar a liberdade de expresión” de dous mozos que queimaron fotos do rei Juan Carlos I, en Galiza denúnciase outro caso de violación dos dereitos civís que está a ter unha fonda repercusión: a sentenza de Emilio Cao. O activista e militante de Xeira —organización política da mocidade da Frente Popular Galega— foi condenado a 5 anos e 8 meses de prisión após a súa participación na manifestación das Marchas da Dignidade do ano 2014.

Este mércores, a plataforma Absolución Emilio Cao fixo público un manifesto a prol do seu indulto. O documento, presentado na libraría Couceiro nun acto ao que acudiron persoeiros relevantes da cultura galega coma o escritor Suso de Toro ou a integrante da RAG Marilar Aleixandre, lamenta que a “maquinaria represiva” do Estado tente impor un “castigo exemplar” a un mozo de Carballiño que unicamente “tomou as rúas para reclamar dignidade”.

O manifesto foi asinado por persoeiros coma Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Xosé Manuel Beiras ou Teresa Moure

O manifesto foi xa asinado por varios centos de persoas, entre os que se atopan os alcaldes de cidades coma A Coruña, Compostela, Ferrol, Lalín ou Pontevedra, as voceiras de BNG e En Marea no Parlamento galego ou escritoras e pensadoras coma Teresa Moure, Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, ou Iolanda Zúñiga.

Concerto solidario

A compostelá Sala Malatesta será o escenario este xoves 15 de marzo dun concerto solidario cuxo obxectivo é axudar a Cao a cubrir tanto os custos do proceso xudicial coma a sanción económica que se lle imputa. Participarán os grupos pop Ataque Escampe e Atrás Tigre, o cantante O Leo i Arremecághona e a banda de hip hop combativo Rebeliom do Inframundo. O concerto comezará ás 21.00 horas, e as entradas poderán adquirirse por dez euros nos locais Avante, Brooklyn, Caldeirería e Raíces Galegas.

Unha delegación de militantes de Xeira e Anova acompañará a Cao no seu xuízo

Asemade, unha delegación de militantes de Xeira e Anova —que integra á FPG— desprazarase a Madrid o vindeiro luns 19 de marzo, para amosar o seu respaldo a Emilio Cao á hora de afrontar o seu xuízo nos Xulgados nº7 da capital do Estado. A sociedade galega solidarízase co mozo do Carballiño e lle transmite unha mensaxe clara: “Emilio, non estás só”.