Concentracións o 16 de maio para pedir compromiso do goberno español contra o feminicidio

Máis de 300 asociacións e colectivos feministas exixen ao Goberno que demostre o seu compromiso fronte á violencia machista e cumpra as medidas establecidas no Pacto de Estado

Este 16 de maio están convocadas varias concentracións e manifestacións en Galicia para esixirlle ao goberno español un maior compromiso en materia de prevención, detección e atención integral fronte as diferentes manifestacións da violencia machista.

Desde o movemento feminista salientan que logo de seis mesesda aprobación do Pacto de Estado os compromisos que deben garantilo non se cumpriron.

Subliñan que o Goberno central non presentou os proxectos de lei para acometer as modificacións lexislativas que establece o Pacto de Estado, entre as cales figura a reforma da lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local recollida na medida 61. Destacan que tampouco incluíu no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o compromiso económico reflectido no Pacto de Estado.

Piden ao Goberno que transfira o crédito de 20 millóns anuais previstos para 2018; presentar os proxectos de lei necesarios para acometer as reformas lexislativas contempladas neste; modificar a Lei de racionalización e sustentabilidade da Administración local e adoptar as medidas lexislativas e doutra índole que garantan a estabilidade e cualificación dos persoais que prestan servizos de atención á violencia machista.

Concentracións en vilas e cidades

As concentracións e manifestacións en Galicia están previstas para o día 16 de maio nos seguintes lugares e horas: Ames (Praza da Mahía, 19h), Compostela (Praza 8 de marzo, 20h), Vigo (Cruce Vía Norte, 20h), Pontevedra (Praza Peregrina, 20h), Vilagarcía (Praza Constitución, 20h), A Coruña (Obelisco, 20h), Marín (Concello, 20:30h), Cangas (Concello, 20:30h), Noia (Concello, 21h), Lalín (Praza da Igrexa, 20:30h), Ribeira (Diante do Concello, 20h), Sarria (Praza do Concello, 20:30h) e O Barco (Praza do Concello, 20h).