O Concello revogará a licenza da planta de tecnosolos de Miramontes

Iníciase tamén un procedemento sancionador contra a empresa adxudicataria dos orzamentos participativos

A veciñanza de Grixoa atópase cada vez máis preto de acadar o seu obxectivo. Unha plataforma cidadá comezara denunciar o pasado ano as “numerosas infraccións” do complexo industrial de Miramontes, solicitando o seu “peche inmediato” por vulnerar as condicións de saúde da poboación compostelá. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, vén de anunciar o inicio do procedemento de revogación da licenza de obras da planta de tecnosolos que opera en Miramontes, ao considerar que existen “motivos suficientes” para que o complexo cese a súa actividade. A compañía terá un prazo de 15 días para presentar as súas alegacións.

Asemade, o Concello presentará un recurso sancionador contra a empresa adxudicataria do contrato de coordinación do proceso de orzamentos participativos 2018, “Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais S. Coop. Galega”. O Goberno municipal considera que a devandita sociedade cometeu unha infracción de carácter “leve” que poderá ser sancionada cunha multa non superior aos 3.005,06 euros.

Suba das tarifas do taxi

Noutra orde de asuntos, o alcalde deu conta da aprobación dunha suba do 1,36% nas tarifas do servizo de taxi. Deste xeito, a contía mínima queda fixada en 3,75 euros e cada kilómetro custará 0,98 euros. O prezo do transporte ao aeroporto, pola súa banda, será de 21 euros.