O Concello destina 150.000 euros para reurbanizar a rúa das Cancelas

As obras comezarán no mes de marzo

Nas vindeiras datas arrincarán tres proxectos de humanización na cidade. O primeiro deles responde a unha vella demanda da veciñanza: a reforma do tramo da rúa das Cancelas que conecta coa avenida Rodríguez de Viguri.

A actuación basearase na reconstrución e ancheamento das beirarrúas, mellorar a iluminación e o sistema de recollida de augas pluviais e garantir a seguridade para os peóns que transiten por esta rúa. A obra, que conta cun orzamento de 150.000 euros e un prazo de execución de 45 días, será aprobada na Xunta de Goberno da vindeira semana e comezará a principios do mes de marzo.

Outras obras

Tamén foron adxudicadas as obras de mellora de pavimentos nas parroquias de Figueiras, Sabugueira e Marrozos, para as que se investirá unha contía de 140.000 euros. Sen data confirmada pero próximo no calendario atópase o proxecto de renovación da vía de servizo ubicada na avenida do Cruceiro da Coruña. Para esta actuación destinaranse preto de 200.000 euros e o prazo de execución será de tres meses.

Fuxir do curto-pracismo

Por outra banda, respecto á petición do Partido Popular de realizar unha actuación “de urxencia” na rúa Santiago de Chile, Peña matizou que o Concello non prevé unha intervención “a curto prazo”, mais garantiu que será a vindeira reforma que se produza no Ensanche. Polo de agora, realizaranse labores de mantemento e limpeza na devandita rúa.