O Concello avanza na construción do centro de atención a persoas sen fogar

O Goberno local pide a Facenda que a actuación, orzada nun millón de euros, sexa cofinanciada polos fondos EDUSI

Compostela Aberta segue avanzando na consecución dun dos seus proxectos máis ambiciosos: a construción dun centro municipal de atención integral a persoas sen fogar. A formación dirixida por Martiño Noriega acordou na Xunta de Goberno deste venres solicitar ao Ministerio de Facenda que financie o 80% deste proxecto con fondos europeos no marco da EDUSI. A contía total ascende a un millón de euros e estará rematado, segundo as previsións, a finais de 2020.

Asemade, o alcalde deu conta da adxudicación do contrato de reforma no parque Outeiro de Sar, unha das propostas gañadoras nos orzamentos participativos de 2017. Renovaranse as randeeiras e demais elementos da área de xogo infantil, destinándose para a causa unha partida de 145.000 euros. A raíz da presentación deste proxecto, Noriega defendeuse das críticas vertidas polo BNG sobre a demora na execución das propostas dos orzamentos participativos, alegando que se debeu a unha serie de “dificultades técnicas” que retrasou o proceso.

Reformas no campo de Santa Isabel

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto de acondicionamento da praza que dá acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel, unha obra na que se investirán arredor de 70.000 euros e que terá un prazo de execución de dous meses. Esta obra enmárcase dentro do plan de actuación de Raxoi sobre o envellecido estadio, para o cal se destinará unha contía total superior ao medio millón de euros.