Compostela tínguese de morado de cara ao 8 de marzo

O Concello presenta un programa de actividades “moi ambicioso” coa mirada posta no Día Internacional da Muller

Achégase o Día Internacional da Muller e o Concello de Santiago quere involucrarse “por completo”. Emporiso, o Goberno local dispón un amplo programa de actividades para pular pola igualdade de xénero e combater as actitudes machistas. A Casa das Mulleres —Casa Xohana Torres— terá un papel protagonista. Durante os meses de marzo e abril, celebrarase un ciclo de debates feministas nos que se tratarán temáticas coma o vencello entre o feminismo e a cultura galega. Asemade, durante este tempo, o fotógrafo Gabriel Tizón exporá a súa mostra Espellos de pedra, cuxas imaxes serán expostas en diferentes puntos da cidade.

Os actos do Día da Muller, tamén no rural

Así e todo, haberá unha estreita colaboración coa asociación Composcleta, que organizará unha exposición fotográfica baixo o lema En bici, ti mesma, co obxectivo de fomentar o transporte en bicicleta entre as mulleres. No tocante ao medio rural, o Concello ten previsto celebrar unha serie de obradoiros a prol do colectivo feminino en diferentes parroquias de Santiago de Compostela. En concreto, nos centros socioculturais de Santa Cristina, Busto, Aríns, Laraño, Lavacolla e Grixoa.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

O Concello despregará unha faixa en apoio á folga do 8-M no balcón do Pazo de Raxoi

Na área de Mocidade, cómpre salientar o concerto que as bandas Bala e Agoraphobia, integramente compostas por mulleres, ofrecerán mañá xoves na Sala Capitol coa entrada de balde. Xa no mes de abril, o día 14, a cantante Sés presentará o seu novo disco cun concerto no Auditorio de Galicia. Por outra banda, despregarase esta semana unha faixa en apoio á manifestación do 8 de marzo no balcón do Pazo de Raxoi.

Consulta nesta ligazón o programa completo de actividades

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -