Compostela recibe con honores a Borja Golán

O alcalde mantivo un encontro co 16 veces campión de España de squash e valorou a súa "irrepetible" traxectoria

Poucos profesionais do deporte poden presumir de ter un palmarés tan completo coma o de Borja Golán, xogador de squash nado na capital galega. O deportista compostelán vén de gañar o seu décimo sexto campionato de España, así como o prestixioso Torneo de Montreal, incluído no Circuíto PSA World Tour, a máxima categoría deste deporte. Golán foi recibido este venres no Pazo de Raxoi polo alcalde e representantes dos partidos da oposición. Martiño Noriega salientou a súa “irrepetible” traxectoria.

Martiño Noriega: “Golán é un deportista irrepetible dentro do squash”

O xogador obsequiou ao rexedor da cidade cunha camisola asinada, e agradeceu este recoñecemento con honores do Concello que lle axuda a “manter a motivación para seguir acadando éxitos”. O compostelán, de 35 anos, non valora aínda na súa retirada e pensa continuar na elite “mentres estea ben”. Polo de agora, prefire centrarse na tempada actual.

Borja Golán ten no seu haber, alén dos 16 títulos estatais, 32 campionatos a nivel internacional, e ocupa o primeiro posto do ranking español e o vixésimo primeiro do PSA World Tour, no que chegou a ocupar a quinta praza.