Compostela promocionará o consumo da auga da billa a través do proxecto Santiauga

Nace "Santiauga", a idea coa que o Concello quere fomentar o consumo da auga da billa na hostalería compostelá

A auga da billa é máis respectuosa co medio ambiente. O Concello de Santiago fomentará o seu consumo no sector da hostalería dun xeito atractivo e seguindo modelos que xa empregasn cidades como Paris ou Nova York. A campaña levará por nome “Santiauga” e pretende que 25 establecementos, nunha primeira fase, oferten auga de calidade sen recargo algún.

Explicouno en rolda de prensa o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, acompañado por Constantino Penedo, xefe de proxectos de medio natural de Novotec. O xefe de proxectos de medio natural de Novotec avanzou como sería o método para participar e cales serían as características dos establecementos aos que se destina a campaña.

O prezo por botella de auga

O edil de Medio Ambiente sinalou que do prezo que pagamos por unha botella de auga, o 90% corresponde ao propio envase e o 10% ao produto en si polo que esta campaña vai propiciar o descenso do número de envases que se atopan na cidade. Xan Duro explicou tamén que a auga da traída de Santiago conta coa certificación ISO 22000 de seguridade alimentaria e control da inocuidade da auga potable, un recoñecemento implantado nas industrias alimentarias de referencia que se comezou a introducir tamén nalgúns abastecementos de auga de consumo humano.