Compostela para pola forza das mulleres

Varios milleiros de mulleres toman as rúas da capital galega nunha histórica xornada de folga

Se algo evidencia a xornada do 8 de marzo é precisamente que hai que pensar xa no día 9. O acontecido este xoves transcende dunha simple mobilización cidadá; as mulleres erguéronse para dicir “Basta!” na máis multitudinaria concentración feminista de toda a historia. Nais e fillas, avoas e netas, todas elas unidas na capital de Galicia cun obxectivo común: a defensa dos seus dereitos e liberdades e a loita contra a precariedade laboral, as violencias machistas e o “teito de cristal”.

Desculpen as molestias, pero estannos matando

“Desculpen as molestias, pero estannos matando”, rezaba un cartel visto na manifestación. Esta folga era, como indican dende a Asemblea Aberta de Mulleres, “polas que non están”, por todas aquelas heroínas que loitaron polos seus ideais até o derradeiro alento. En Compostela, varios milleiros de mulleres tinguiron as rúas de cor morada. A praza do Obradoiro, onde rematou a manifestación, converteuse nun fervedoiro no que toda unha cidade berrou ben forte esixindo simplemente igualdade e respecto.

Logo desta mostra de forza e unión, toca abrir un espazo de reflexión para levar a cabo tódalas medidas precisas para cumprir coas reivindicacións do colectivo feminista e poder dicir, por fin, que a igualdade impera neste país. Quedou demostrado na capital galega que, se paran elas, para o mundo.