O Concello traza as liñas de actuación en materia de turismo para os vindeiros cinco anos. O segundo Plan Estratéxico de Turismo de Santiago de Compostela, após o realizado no ano 2003, tenta facer fronte aos novos retos que encara o sector servizos, centrándose no desenvolvemento dun “turismo sustentable” que garanta a “rendibilidade económica” e a “calidade” como elemento básico no mercado laboral.

Taxa turística

Este programa a longo prazo propón unha serie de obxectivos que o Concello pretende abordar nos vindeiros anos. Unha das propostas máis controvertidas é a implantación dunha “taxa turística” que axude a “asumir os custos de mantemento” da cidade, unha medida xa establecida nas principais cidades europeas. Porén, a decisión final recaería sobre a Xunta de Galicia, un ente pouco partidario deste imposto. Pola súa banda, o Concello tentaría tamén instaurar unha “taxa para excursionistas” dirixida ás persoas que visitan a cidade sen pernoctar, que podería facerse efectiva “a finais de ano”.

Os principais retos deste Plan Estratéxico son a gobernanza, a descentralización, a desestacionalización e a sustentabilidade

Así e todo, os principais retos de Compostela no eido turístico baséanse na “gobernanza”, a “descentralización”, a “desestacionalización” e a “sustentabilidade”. Entre as principais medidas que se tomarán ao respecto, cómpre salientar unha forte aposta pola participación dos sectores cidadás implicados, os “mecanismos de control” que garantan o desenvolvemento sostible da cidade ou o fomento de novas rutas turísticas que vaian máis alá do casco histórico e amosen a “beleza” dos demais barrios composteláns.

Por outra banda, Raxoi proponse tamén abordar a problemática da xentrificación dotando de certas vantaxes fiscais e administrativas a todas aquelas persoas que decidan habitar a zona vella da cidade.