“Camilo representa todo aquilo no que se pode confiar”

Con estas palabras, sentenzou o poeta Manuel Rivas na homenaxe popular a Camilo Nogueira

Eran as sete e media da tarde do venres, no Auditorio de Galicia. Máis de 700 persoas asistían ao acto de Homenaxe a Camilo Nogueira, un dos nosos políticos máis representativos e que máis loitou polos dereitos de Galiza.

A súa carreira política estivo centrada, xa coa creación da Asociación Cultural de Vigo no 1964, na normalización da cultura galega. Uns minutos antes de que comezase a súa homenaxe, amosounos a súa perspectiva actual con respecto ao galego.

Personalidades presentes na carreira de Nogueira

O acto estivo dirixido por Fernanda Tabarés, Suso de Toro e Manolo Rivas. A apertura comezou coas súas intervencións. Logo, pasarían polo escenario persoalidades presentes ao longo da carreira de Nogueira, tales como Pencha Santamariñas, Ana Gandón, Ana Miranda e incluso Gorka Knorr. Todos quixeron adicar unhas palabras de cariño e respecto ao homenaxeado e Ana Gandón deixou, incluso, entrever a súa emoción.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Un acto que foi máis alá da ideoloxía

Defendendo a autodeterminación sen fronteiras, Nogueira comezou a súa carreira política na Fundación da Asamblea Popular. Estivo vinculado, ao longo da súa traxectoria, ao nacionalismo. Foi tamén Deputado no Parlamento Europeo, onde protestou en lingua galega polos nosos Dereitos. Na súa primeira intervención en Bruselas, expresouse en galego reintegrado, algo que nos lembra anos despois.

Mais este acto vai máis alá da ideoloxía, xa que non responde só a unha homenaxe á política, senón a un xeito de ver e exercer a propia profesión. En palabras de Fernanda Tabarés, Nogueira foi un dos bos e xenerosos. Por isto, estiveron tamén, en representación dos catro partidos presentes no Parlamento Galego, Xaquín Leiceaga (PSdeG) Ana Pontón (BNG), Luís Villares (En Marea) e Pedro Puy (PPdeG). Ámbolos catro quixeron ser partícipes do acto e aportar unhas palabras ao homenaxeado.
No peche do acto, rodeado da súa familia, amigos, intervintes e organización do evento, Camilo adicou unhas palabras de agradecemento á súa muller e fixo unha análise política da situación actual de Galiza. Unha homenaxe que serviu para facer honra a unha das nosas grandes figuras, mais sobre todo para lembrar que a esperanza, a bondade e a honestidade, son o único camiño para facer de Galiza un espazo que teña representación no mundo e non, en palabras do propio Nogueira, “un País marxinado”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -