A Banda Municipal prepara un amplo abano de actividades para celebrar o seu 170 aniversario

Unha oportunidade para (re)descubrir a historia da Banda Municipal de Música

Máis dun século e medio despois, a Banda Municipal de Música de Compostela segue en pé e máis viva ca nunca. No 2018, coincidindo coa celebración do Ano Europeo do Patrimonio, conmemorará o seu 170 aniversario cunha axenda de eventos moi completa. O obxectivo é pór en valor a memoria histórica da banda e atraer a novas audiencias cara á música clásica.

O vindeiro 14 de xaneiro, a Banda ofrecerá un concerto dirixido por un referente a nivel internacional, José Rafael Pascual-Villaplana. Así e todo, os músicos da corporación compostelá contarán coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia nas Festas da Ascensión, a Banda Municipal da Coruña no mes de xuño, a asociación de Amigos da Ópera de Santiago ou o Conservatorio de Música municipal.

Alén dos concertos que se celebrarán ao longo do vindeiro ano, a Banda Municipal prepara tamén a gravación dun disco conmemorativo que se centrará na historia da banda e a tradición musical galega.