A banda Khitara combate os prexuízos do autismo cun concerto solidario

O sábado 3 de febreiro, o Teatro Principal será o escenario dun concerto solidario a favor da Federación Autismo Galicia

O vindeiro sábado 3 de febreiro, Compostela ten unha cita ineludíbel no Teatro Principal. O grupo musical Khitara organiza un concerto solidario a prol dos dereitos das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo —TEA—. Khitara identifícase polo seu carácter innovador e pouco convencional, mesturando sons clásicos con outros máis modernos. A recadación íntegra deste evento será destinada á Federación Autismo Galicia.

O autismo non é unha enfermidade

Autismo Galicia, composta por 14 asociacións de todo o país, traballa dende 1995 por mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e as súas familias, loitando pola súa inclusión social en igualdade de condicións. Esta organización sen ánimo de lucro presta unha serie de servizos na área de atención sociofamiliar, así como numerosos programas de accesibilidade e formación. A través deste concerto solidario, tenta darse a coñecer e sensibilizar á poboación compostelá acerca deste trastorno.

Entradas

As entradas están xa dispoñíbeis cun prezo de 7 euros, e poderán adquirirse a través do portal www.josecarballido.com, na tenda A Reixa ou nas billeteiras do Teatro Principal.